Eventos



La Ricotta organiza actividades de diverso tipo, co propósito de ofrecer unha oferta cultural nova e dinámica á comarca, cun enfoque interxeracional. Aínda que concibimos todas as actividades que organizamos desde unha perspectiva educativa, os Eventos constitúen unha categoría peculiar, xa que están pensados como unha ponte entre o mundo académico e a comarca. En concreto, existen dúas categorías de eventos: os Eventos Académicos e os Eventos Abertos.
Os Eventos Académicos están dirixidos a graduate students e investigadores de universidades e centros de investigación. Cumpren un dobre papel. En primeiro lugar, propoñen e impulsan unha idea diferente dos eventos científicos: ademais de procurar a máis alta calidade científica, abordando temas de investigación de fronteira con científicos de alto nivel e cunha atención particular ás persoas máis novas, fomentan a cooperación e o intercambio de ideas proporcionando un ambiente informal, e están concibidos para optimizar os recursos económicos, ofrecendo ao mesmo tempo manutención e aloxamento, ademais do traslado entre o aeroporto de Santiago de Compostela, a estación de Ourense e o espazo do evento. A idea de fondo afunde as súas raíces en dúas conviccións:
  • a participación non pode depender da dispoñibilidade dun travel grant persoal ou, no caso de graduate students, da dispoñibilidade do travel grant do supervisor, ou, máis en xeral, da dispoñibilidade económica do centro de afiliación. Existen diversos motivos, que nada teñen que ver coa calidade científica, polos que un investigador pode atoparse na imposibilidade de asistir a un evento científico, especialmente cando é de longa duración, ou na situación de ter que escoller un número limitado de eventos nos que participar. Por esta razón, en La Ricotta propoñemos un modelo que combina calidade científica coa redución, ata a eliminación, das barreiras económicas á participación, sen aumentar os custos de organización do evento;
  • é posible optimizar os recursos económicos dispoñibles e, ao mesmo tempo, non só ofrecer un ambiente cientificamente estimulante, senón tamén proporcionar manutención e aloxamento. Para acadar este obxectivo, ofrecemos o aloxamento en forma de cómodas tendas de campaña, equipadas con colchonetas hinchables e saco de durmir. Á luz da primeira experiencia en 2025, coa organización da escola The Disordered Universe, podemos afirmar que o modelo informal que propoñemos permite organizar, a igualdade de investimento, un evento máis estruturado, de maior duración e ofrecendo máis servizos.
O segundo papel dos Eventos Académicos é permitir a organización de actividades culturais para a comarca ao longo do ano, de dúas maneiras: durante cada evento académico involucrarase ás persoas participantes que sexan fluentes en castelán ou galego en actividades abertas ao público, que se agrupan nos Eventos Abertos; así mesmo, a organización dos eventos académicos levarase a cabo a través da Asociación Cultural La Ricotta, unha asociación sen ánimo de lucro que investirá o beneficio obtido en programas, cursos, obradoiros e encontros dirixidos ás persoas da comarca ao longo do ano.
Os Eventos Abertos son aqueles eventos dirixidos ás persoas da comarca, organizados conxuntamente cos participantes dos eventos académicos. En xeral, organízanse ao longo de todo un evento académico e propoñen poñer en contacto directo ás persoas investigadoras coas persoas da comarca. Isto pode acontecer tanto en formas tradicionais de charlas, con amplo espazo para as preguntas, como en forma de obradoiros ou experimentos, implicando a audiencia dunha maneira máis activa. Os temas que se tratan poden estar relacionados tanto co tema xeral do evento académico como coa liña de investigación de cada un dos investigadores que acepten involucrarse nos eventos abertos, así como con outros temas científicos ou sociais con contido científico, sobre os que ditos investigadores teñan un coñecemento real. A idea de fondo é manter un fluxo estable de coñecemento entre o mundo académico e a comarca, centrándose principalmente en comunicar o enfoque e o hábito mental que permite, na investigación, formular preguntas cada vez máis precisas e contestables, e dar os pequenos pasos que levan á acumulación de coñecemento.

The Disordered Universe
2025
Dende o Universo ata o Rural 2025