A distancia entre o coñecemento que se acumula no ámbito académico e o que chega ao público fóra del segue sendo grande, a pesar do crecente esforzo en divulgación. A modo de exemplo, aínda que pasou un século e malia o seu impacto tecnolóxico na vida cotiá, dúas das revolucións intelectuais máis importantes do século XX, é dicir, a mecánica cuántica e a relatividade, non chegaron conceptualmente ao gran público, sen afectar de maneira significativa á súa visión do mundo. De xeito semellante, segue persistindo a idea de que a humanidade está dividida en grupos bioloxicamente distintos, as razas, a pesar dos estudos xenéticos que permitiron reconstruír o percorrido da humanidade ao longo do tempo. En La Ricotta pensamos que é de fundamental importancia contribuír a reducir esa distancia e desenvolver esta tarefa fóra das cidades. Se ben é certo que os avances do coñecemento levan consigo un compoñente técnico que non é unha perversión dos investigadores, senón unha necesidade, tamén o é que o impacto na sociedade non reside en comprender estes detalles, senón en comunicar o hábito mental científico, é dicir, como se acumula o coñecemento, os seus límites de validez, como unha cuestión grande e vaga pode transformarse nunha serie de preguntas contestables e como entender o contexto da información dispoñible.
Os Eventos Abertos están pensados para reducir esta distancia na comarca. Aproveitando a presenza de científicos no marco dos Eventos Académicos, aqueles que sexan fluídos en castelán ou galego implicaranse en actividades abertas ás persoas da comarca, cuxo contido pode estar relacionado tanto co tema do evento académico como con outros temas que formen parte do seu bagaxe de coñecemento. Estas actividades poden adoptar a forma de charlas, obradoiros ou experimentos, e tenderán a involucrar activamente a audiencia.
Os Eventos Abertos son parte integrante do programa Xornadas de ciencias no rural e tiveron lugar por primeira vez no ámbito da escola de verán The Disordered Universe 2025, dando inicio á serie Dende o Universo ata o Rural, que incluíu catro charlas con temas relacionados coa escola, unha sobre un tema de relevancia social con contido científico e un experimento no que se construíu, diante de e xunto coa audiencia, unha cámara de néboa caseira para detectar os raios cósmicos. A serie Dende o Universo ata o Rural continuará coa segunda edición da escola The Disordered Universe e co workshop Expanding Thoughts on de Sitter. Este ano arrancará unha nova serie de eventos abertos, Sementes de información, no ámbito da escola de verán The Quantum in the Haystack.
