Como estratexia educativa propia, La Ricotta deseña e impulsa actividades para todo tipo de público, cun enfoque interxeracional, en forma de programas, cursos, obradoiros e encontros. Tamén é posible propoñer unha destas actividades cubrindo o módulo dedicado e enviándoo ao enderezo de correo laricotta_proyecto@anche.no co asunto Proposta de Actividades en La Ricotta.
Programas: Son eventos de longa duración cun tema que marca a liña guía e actividades de diverso tipo — ex.: charlas-debate, obradoiros, experimentos — relacionadas con ese tema. Están pensados para fomentar a reflexión individual e colectiva, e a elaboración de proxectos comúns a longo prazo para a recuperación e dinamización do contorno e das súas aldeas, así como da vida na comarca. Os programas poden ser específicos, permanentes ou externos.
Os programas específicos caracterízanse por un tema concreto, propoñéndose reunir as persoas interesadas nel e desenvolver as ferramentas mínimas que permitan a elaboración dun proxecto asociado ao tema, incluíndo un plan de traballo. Este plan de traballo será o obxectivo final deste tipo de programa. Elaborarase un informe final, que será publicado nesta páxina. Este tipo de programa ten unha duración típica de dúas semanas.
Os programas permanentes, pola contra, teñen un tema xenérico que funciona como liña guía, arredor do cal se desenvolven actividades de diferentes tipoloxías. Estes programas teñen unha duración indefinida, e as actividades desenvólvense ao longo do ano. Na actualidade, existen tres programas permanentes:
Os programas específicos caracterízanse por un tema concreto, propoñéndose reunir as persoas interesadas nel e desenvolver as ferramentas mínimas que permitan a elaboración dun proxecto asociado ao tema, incluíndo un plan de traballo. Este plan de traballo será o obxectivo final deste tipo de programa. Elaborarase un informe final, que será publicado nesta páxina. Este tipo de programa ten unha duración típica de dúas semanas.
Os programas permanentes, pola contra, teñen un tema xenérico que funciona como liña guía, arredor do cal se desenvolven actividades de diferentes tipoloxías. Estes programas teñen unha duración indefinida, e as actividades desenvólvense ao longo do ano. Na actualidade, existen tres programas permanentes:
- Xornadas de ciencias no rural — É unha serie de actividades que pretende transmitir o proceso de investigación a través de charlas, obradoiros e experimentos relacionados tanto con aspectos da vida cotiá como con aspectos máis ocultos da natureza. Parte integrante deste programa son os ciclos de encontros públicos organizados durante os eventos académicos, como Dende o universo ata o rural, no ámbito das escolas de verán The disordered universe e doutros eventos académicos relacionados coa cosmoloxía, a física de partículas e a astrofísica, e Sementes de información, organizada no ámbito da escola de verán The quantum in the haystack.
- Entre música e antropoloxía — Esta serie pon de relevo o valor cultural, histórico e antropolóxico da música, explorando e percorrendo a orixe e o desenvolvemento de instrumentos, músicas e cancións, a través do contacto directo con eles.
- Ideas para o rural — Esta serie pretende fomentar ideas que, aínda que poidan proceder de realidades máis ou menos afastadas, sirvan como punto de partida para reflexionar e poñer en práctica accións de recuperación e dinamización do noso contorno rural, cunha mirada a longo prazo, aínda que poidan realizarse a curto prazo, e pensadas para e entre a xente que vive nel. A serie inaugurouse co encontro Algo máis que unha casa: formas de vida en común dende os países nórdicos.
Os programas externos, finalmente, son programas nos que se participa a través de actividades deseñadas polo propio proxecto, mais que están organizados e coordinados por outra entidade. La Ricotta participa no bienio 2025-2026 de Aulas +55, un programa de actividades socioculturais para maiores de 55 anos do Territorio Histórico de Álava (País Vasco), a través da charla Por que a noite é escura? e do curso Física para a cidadanía.
Cursos: Son actividades específicas cun tema concreto que se poden desenvolver ao longo de varios días ou mesmo semanas. A duración mínima é de 4 horas, que poden concentrarse nun mesmo día ou ben distribuírse ao longo de dous días. Conteñen tanto unha parte teórica como outra na que a audiencia pode familiarizarse ou experimentar, soa ou en grupo, co aprendido, aínda que en xeral non presentan unha división nítida e ambos aspectos se entrelazan. Os temas dos cursos poden ser de diverso tipo; con todo, todos compartirán o enfoque pedagóxico descrito en Educación.
Obradoiros: Son actividades específicas cun tema concreto que, en xeral, se desenvolven ao longo dun único día. Aínda que son fundamentalmente actividades prácticas, entrelazaranse sempre con informacións máis conceptuais, que poderán profundizarse en función do interese da audiencia. Os temas poden ser de diferente natureza.
Encontros: Son actividades xeralmente levadas a cabo por un hóspede de La Ricotta e versarán sobre temas que formen parte do seu ámbito de coñecemento. Como as demais actividades, poden abranguer diversos tipos de temas, deixando amplo espazo para a interacción coa audiencia.
